SITUACIÓN: Riosa e Morcín (Asturias)
PUNTO DE PARTIDA: Área recreativa de Vía Pará (667 m)
ACCESO: Dende a A – 66 a altura de Soto de la Ribera, incorporarse á N – 630. Logo coller a AS – 231 ata La Vega (Riosa) onde seguimos pola estrada que vai a Busloñe ata o cimbro de Vía Pará.
HORARIO: 3 h. DESNIVEL: subida 330 m / baixada 605 m
DISTANCIA: 10 km DIFICULTADE: Baixa TIPO DE RUTA: Travesía
MAPAS: I.G.N. - 52 – II – IV
SINOPSE: A serra do Monsacro é unha xoia do románico de Asturias que preside todas as terras de Morcín. Encravada no centro de Asturias, o seu grande montouto ínzase sobre os vilares deste concello, onde os seus pouvanos lle chaman tamén La Magdalena.
Nuns treitos, esta montaña, ensina a súa rocha calcaria e noutros a súa cuberta vexetal, arbórea na súa base e herbácea polo alto. Dende a cimeira axéxase, en días de boa visibilidade, unha ampla paisaxe da rexión, que vai dende o mar ata a Cordilleira Cantábrica. O Monsacro é unha montaña enchida de historia que xa en época pre cristián impúxose como lugar sagrado. Neste lugar atópanse túmulos funerarios e soterramentos da era megalítica e parece que, tamén, houbo cultos primitivos a Teleno. Na actualidade podemos visitar as ermidas de La Magdalena e de Santiago (ambas do s. XII).
DESCRICIÓN DA RUTA: Na estrada que une La Vega con Busloñe, no cimbro de Vía Pará (667 m) xunto a área recreativa comeza esta andaina. Para isto temos que coller unha pista que da as costas a área recreativa e a Serra do Aramo camiñando en dirección nordeste.
En pouco tempo chegamos a Covariella (750 m) onde a pista xira con rumbo norte e sobe pola encosta sur da Serra do Monsacro. Debaixo dos derrubes desta serra collemos o sendeiro que sobe a través da Vallina Monxa que nos empoleira na veiga do Mayau les Capilles.
Á dereita temos o pico Romiru, que podemos ascender facilmente, para observar dende a súa airosa cimeira as veigas e vales de Morcín, Riosa e a cidade de Oviedo.
Baixamos do cume en dirección a capela de arriba ou de Santiago seguindo, agora, unha pista cara ao norte que pasa xunto a unha lagoa. Máis adiante temos a capela de La Magdalena xunto a cal comeza a baixada.
Por camiño ben marcado descendemos, pasando xunto a unha grande pedra chamada a Silla del Obispo, un gran miradoiro do val do Caudal. O camiño serpexa costa abaixo facendo numerosos zigzags seguindo a liña eléctrica a través da Cuesta de la Magdalena.
Así chegamos a estrada MO - 3 pola que seguimos á dereita en dirección a La Collada (295 m).
Etiquetas: Asturias, Sendeirismo