SITUACIÓN: Rascafría (Madrid) – San Ildefonso (Segovia)
PUNTO DE PARTIDA: Venta Marcelino – Puerto de Cotos (1.830 m)
ACCESO: Dende a estrada M – 601 Madrid – Segovia o porto de Navacerrada. Dende aquí continuar pola C – 604 ata o porto de Cotos ou El Paular.
HORARIO: 5/6 horas DESNIVEL: 350 m de subida / 830 de baixada
DISTANCIA: 12 km DIFICULTADE: Media TIPO DE RUTA: Travesía
MAPAS: I.G.N. – 508 – II – 483 – IV
SINOPSE:
DESCRICIÓN DA RUTA: Saímos dende a Venta Marcelino (1.830 m) subindo pola pista empedrada, que dende o mesmo porto se afasta, pola parte traseira da venta, non sen antes visitar a fonte de Quirós onde fornecemos de auga, e o fito que sinalaba os límites dos reais Pinares de Valsaín, que deron nome ao porto de Cotos, coñecido antano como El Paular. Ambos fitos atópanse xunto a dita venta e o posto da Cruz Vermella, polo que non teremos problemas para localizalos. Algo máis enriba, a pista describe unha curva á dereita rematando o empedrado, e pasando xunto a Casa del Parque Los Cotos.
Máis adiante topamos co posto de Control de la Vigilancia del Parque. Cruzamos ao outro lado do valado, que atranca o paso a vehículos, e seguimos remontando pola pista desta soleada ladeira, sobre terra e entre pinos. Case ao termo do tramo recto e en suave descenso, antes de que a pista faga un xiro á esquerda podemos oír o murmurio da auga que cae do caño da fonte Cubeiro. De seguida se acada a curva e o miradoiro de La Gitana. Seguimos a marcha atopándonos cunha construción dun depósito de auga cun engadido no seu tellado a modo de cobertizo. No lado dereito do depósito vemos uns deteriorados chanzos de pedra que soben, na súa a parte alta, por sendeiro de montaña, o Camino del Agua. Abandonamos a pista e seguimos polo sendeiro que ven sendo a ruta da Laguna de Peñalara.
Nada máis deixar atrás as escaleiras empedradas, o sendeiro vai en chan sen dificultade ningunha. Un cento de metros máis adiante pasamos unha portiña de madeiros, que deixaremos pechada. Ao comezo percorremos un tramo curto gañando altura suavemente sobre o piñeiral, pero inmediatamente volve a ser chá seguindo pola encosta. Cruzamos a pista de esquí de La Pradera, e un pouco máis adiante saímos do piñeiral. Se miramos cara ao sur temos boas vistas de val do río de La Angostura, encaixado no fondo das abas que caen das Cabezas de Hierro. Tamén chamará a nosa atención unha grande extensión de praderías coñecida como Pradera de los Campamentos, na que aínda podemos ver os restos dalgúns edificios.
O itinerario segue un trazo que bordexa os enxurrados de pedra caídos de Peñalara e descorre pola encosta Sureste en dirección Nordeste, dando vista ao Valle del Arroyo de la Umbría e máis aló o de Lozoya, mantendo a altura ao largo dun quilómetro. Na metade do percorrido pasaremos xunto a fonte do Cedrón. Ao remate, tras un xiro á esquerda, chegamos ao regato que baixa da Laguna Grande de Peñalara. Alí atoparemos unha caseta de vixilancia do parque (1.940 m) e un cruce con tres ramais. O camiño noso continúa de fronte, cara aos farallóns de rocha que se levantan da Hoya de Peñalara, sen perda posible por un sobrado de pasarelas de madeira que evanecen o impacto de miles de pegadas dos visitantes, leva a Laguna Grande de Peñalara. Tras seguir o sobrado, que alterna chanzos de pedra e terra, a uns 500 metros, chegamos a Laguna Grande de Peñalara, lugar onde imos descansar e gozar das vistas.
Da parte Sureste da lagoa sae un sendeiro nesa dirección que empalma despois duns 400 metros co camiño que traíamos ao chegar a caseta. Seguimos o sendeiro PR – 15 onde hai algúns fitos polos pedreiros, sempre en dirección Nordeste, mantendo a altura ata acimar no alto, no que vemos un enorme fito de pedras amoreadas que nos indica a dirección por onde vai o sendeiro. Baixamos pola esquerda do fito ata unha zona herbosa e húmida que se alonga cara ao Valle del Alto Lozoya, chamada Hoya de Pepe Hernando libre, esta, dos pedreiros que acabamos de cruzar.
Dende este lugar seguimos o sendeiro acostumado, no que non existen balismas nin se distinguen as ¿marcas brancas e marelas?. O sendeiro algo dubidoso, ten algún fito de pedras. Nada máis baixar a primeira das Hoyas, dende o gran fito anterior, continuamos xunto ao regato que descorre polo medio da pradeira seguindo a súa canle polo lado dereito. O camiño vai cara ao Leste ata que o regato se cruza na nosa marcha para desaugar cara ao Valle del río de la Angostura. Cruzamos ao outro lado por riba dunhas pedras e viramos ao norte. Seguimos en lixeiro ascenso primeiro, e logo xa un pouco máis pendente, remontamos a zona do rechán superior.
A paisaxe que temos agora é diferente da anterior. Desaparecen os chaguazosos e as pradeiras, substituídas por rochas aplanadas que cobren todo o chan xunto con outras amoreadas e distribuídas sen xeito. Ímolas pasando mentres vemos as Cinco Lagunas de Peñalara, algunha é unha simple poza. O sendeiro pasa entre dúas delas, e na que queda á esquerda da marcha, aínda podemos ver zonas herbosas arrodeando a lagoa. Outra situada máis adiante e á dereita, máis grande ca anterior, está arrodeada por rochas que lle dan un aspecto erme. Seguimos a ruta polo itinerario sinalado con fitos de pedras, que agora son máis numerosos, indicando claramente por onde hai que seguir. Traspasamos unha nova barreira de rochas, sendo o desnivel a superar moi inferior, situándonos nunha nova zona rechán por riba das anteriores. Parece que a gran morea de rochas anterior deixa paso a unha zona de mellor andar, que aínda que hai moitas, agora podemos pegar por zonas de terra. Á nosa dereita deixamos unha pequena e fermosa lagoa que convida ao asosego.
O sendeiro con trazas craras ao Norte descorre polo medio duns chaos e tras deixar a lagoa, atravesa unha chaira de rochas soltas que se cruza sen dificultade. Á nosa esquerda vemos o pico de Los Claveles e despois dunha derradeira e soave ascensión chegamos a parte alta da planura que viñemos atravesando. No alto descubrimos unha ampla zona de praderías, desprovista de touza, que se perde en sentido norte flanqueada á esquerda pola aresta de Los Claveles de Peñalara. Atravesamos este chan, sempre cara ao Norte, escollendo como referencia a parte final da corda que baixa dende eses cortados. Ao remate atoparemos a máis grande de todas as lagoas, aínda que de pouca profundidade, mantén a auga no verán debido ao manancial que existe nun dos seus extremos. É a Laguna de los Pájaros, situada a dous mil metros de altitude e rodeada de praderías turbeiras. Arrodeando a lagoa pola parte Suroeste atoparemos unha fonte que corre todo o ano.
Despois dunha parada neste fermoso lugar, seguimos a andaina cara ao Puerto de los Neveros. Deixamos detrás a lagoa enfiando a corda novamente cara ao Norte, por un terreo case horizontal. De seguida vemos, pola esquerda, La Granja de San Ildefonso, abaixo no val. En case dez minutos acadamos o porto de Los Neveros (2.100 m), comezando a baixada cara a unha bagoada da esquerda dando vista a Segovia. Temos que localizar un gran fito de pedras que hai entre as matorreiras, o sendeiro baixa polo lado dereito do regato de La Chorranca.
Cando chegamos ao piñeiral, atoparemos varis bifurcacións que poden enlearnos sobre cal debemos seguir. Buscaremos unhas marcas, xa bastante borradas, do cor amarelo nos pinos e seguímolas. O trazo do sendeiro está un pouco perdido, discorrendo por zona inclinada e pedregosa. Na baixada chegamos a unha camposa no medio do piñeiral. El Esquinazo, que se cruza cara ao oeste. Seguimos a parede que cerra a Granja ata a entrada principal da mesma onde remata a travesía.