.
pdf en castelán: Portela do homen. Mina dos Carris
.
SITUACIÓN: Parque Nacional de Peneda – Gêres (Gêres – Portugal) Serra do Xurés (Lobios - Ourense)
PUNTO DE PARTIDA: Ponte de S. Miguel, a 1 km da Portela do Homen en dirección Gêres.
ACCESO: Pola estrada OR – 312 que vai dende Ourense por Celanova e cruza a Portugal pola Portela do Homen.
HORARIO: 6/8 horas DESNIVEL: 630 m. de subida e 1.120 de baixada
DISTANCIA: 18/20 km DIFICULTADE: Media
TIPO DE ROTA: Travesía MAPAS: I.G.N. – 301 – III – 336 - I
SINOPSE: Trátase dunha camiñada fácil de seguir con pouco desnivel pero bastante longa. Si a meteoroloxía é favorable, non debería ser un problema a distancia tendo un longo día para facelo.
DESCRICIÓN DA ROTA: A camiñada parte na beira da ponte de San Miguel, entre os bosques de Albergária, nunha paraxe de excepción, onde o río Homen forma unha gran poza. Pola marxe esquerda do río sae un antigo camiño, imposible para a circulación de vehículos, que comunicaba coa abandonada mina de Carris. O camiño vai remontando polo val do Homen onde axiña desaparece a vexetación arbórea dando paso a enormes placas de granito liso que forman o leito do río.
Máis adiante o val estréitase e adquire forma de “U”, anunciando a súa orixe glaciar. Botando unha ollada para atrás, podemos ver o alonxado encoro de Vilarinho das Furnas mentres tanto, polas paredes verticais da marxe dereita caen dúas fervenzas.
Pouco despois chegamos a un estrano penichán e á mina abandonada de Carris. Tras as escuras augas dun pequeno encoro érguense os picos de Carris (1.507 m), á esquerda, e Altar de Cabroes (1.544 m), á dereita e sobre a liña fronteiriza. A ascensión a estes cumes é rápida discorrendo o camiño entre grandes pedras de granito.
A partir de aquí cruzaremos pola Portela da Amoreira (1.300 m)para baixar en dirección a, tamén abandonada, mina das Sombras. Aquí buscamos a pista que daba servicio a esta explotación e seguímola durante un quilómetro ata unha bifurcación. Nesta curva temos que abandonar a pista para coller o antigo camiño que usaban os traballadores da Mina das Sombras para a subida de diversos materiais. Dende este camiño podemos observar os impoñentes farallóns rochosos característicos desta serra como o Baltar e O Fitoiro con altitudes de 1.100 e 1.170 m) respectivamente.
A vexetación dominante e de monte baixo (xestas, uces e carqueixas) principalmente, ademais da vexetación de ribeira asociada ao leito do río. A baixada transcorre pola marxe dereita do río ata que atopamos a ponte de Porto Paredes por onde cruzamos a outra beira.
Seguimos o camiño que nos leva xunto a unha pequena albariza (colmear rodeado de paredes de pedra) que podemos visitar. Aparece un camiño a esquerda que vai a ermida de Nosa Señora do Xurés, pero nosoutros seguimos o río para visitar unha serie de muíños restaurados polo Parque Natural e así chegar a Vilameá onde remata esta completa travesía

