SITUACIÓN: Caso (Asturias)
PUNTO DE PARTIDA: Nozaleda - Orlé
ACCESO: O lugar de Orlé está situado na estrada AS – 254 que vai de Infiesto a Campo de Caso.
HORARIO: 6/7 horas
DESNIVEL: 1.138 m.
DISTANCIA: 16 km
DIFICULTADE: Media
TIPO DE ROTA: Ida e volta
MAPA: I.G.N. – 54 – IV
SINOPSE: O Campigüeños, tamén coñecido como Peña les Vies ou Becerrera de San Pedro, é todo un referente no paraíso natural que forman os concellos de Ponga e Caso, este último xunto con Sobrescobio conforman o Parque Natural de Redes.
DESCRICIÓN DA ROTA: Saímos de Orlé (700 m) por un camiño que se dirixe cara ao leste seguindo a canle do río do mesmo nome que, a través dun encaixado val nos leva a Conforcos, lugar situado baixo os derrubes do Requexón de Valdunes e Les Llabaes. O camiño segue paralelo ao regato polo medio dun frondoso bosque. Máis adiante cruzamos por varias pontes para seguir subindo a coñecida Cuesta de Acebal, e así chegar a braña de Conforcos (1.100 m). Aquí temos un refuxio de caza e algunha cabana espallada no medio do circo de montañas.
Despois de seguir un anaco máis, deixamos o camiño principal que vai a Pendones a través do Collado Capiella, para coller a esquerda por un sendeiro que de maneira inverisímil nos embica pola Foz de Melordaña. Vamos subindo por este espectacular entallamento superando os sucesivos resaltes que se nos presentan para chegar a un punto onde, a foz, se abre formando a veiga e braña de Melordaña (1.220 m.) con varias cabanas en ruínas espalladas pola campeira situada no fondo dos picos Pelacera e Cabroneu.
Pasada a fonte, cruzamos un regato camiñando cara a unha bagoada situada a nosa dereita que, entre grandes faias, nos dirixe a través dun retorcido sendeiro a Valloseru (1.445 m). Esta braña está formada por varias cabanas en estado ruinoso.
Con vistas a braña, pero antes de entrar nela, collemos un sendeiro case imperceptible, a esquerda, que entre xestas sobe con forte pendente achegándonos a Branielles, fermosa campeira situada nun saínte de Cabroneu dende a que nos ofrece boas vistas cara ao val. Aquí temos dúas alternativas para chegar ao Collado Cardiel. Unha vai a Campa Llagu por un marcado sendeiro que faldrea polas alturas do barranco de Felispardo e outro, máis directo, diríxese ao nordeste dando vista a cadea do Campigüeños.
De calquera maneira, no Collado Cardiel (1.650 m) dispómonos a enfrontarnos ao ataque final do cume do Campigüeños (1.838 m).
Esta atalaia amósanos o val de Pigüé situado entre o Campigüeños e a Peña de Taranes, ao cal se accede dende este lugar a través da Foz de la Escalada. Cumes como La Llambria ou Foyos, ao norte, o Tiatordos e Maciédome ao leste, ao sur o Requexón de Valdunes e ao leste a Peña los Tornos, como máis destacados.
A baixada facemola saíndo cara ao sureste ata a Collada Campigüeños (1.597 m) dende a cal baixamos á braña de Valloseru, para no fondo desta braña enlazar co camiño de volta pola Foz de Melordaña.
Etiquetas: Asturias, Montañismo, Redes, Sendeirismo