Monte Río Los Vados

pdf en castelán: Monte Rio los Vados

pdf do mapa: Monte Rio Los Vados

SITUACIÓN: Parque Natural Saja – Besaya - Municipio de Ruente (Cantabria)

PUNTO DE PARTIDA: Casa del Monte (Ucieda)

ACCESO: Dende Cabezón de la Sal pola estrada CA – 180 ata Ucieda. Dende aquí por pista ata o centro de recepción da Casa del Monte.

HORARIO: 5/6 h DESNIVEL: 340 m

DISTANCIA: 12 km DIFICULTADE: Baixa

TIPO DE RUTA: Circular MAPAS: I.G.N. 57 – IV – 58 – III

SINOPSE: O bosque de Ucieda atópase integrado nun extensísimo monte comunal. As súas grandes dimensións, a situación de altura contínua entre os tres centos e os seis centos metros, as pequenas variacións de orientación permiten neste lugar unha maior diversidade que noutros bosques.

DESCRICIÓN DA RUTA: A saída facémola da Casa del Monte (260 m) onde hai un centro de interpretación e recepción de visitantes. A partir de aquí comeza unha pista forestal que sae en dirección leste, en ascenso e sen posibilidades de perda, que fura na parte inicial do bosque. Ignoramos unha pista á dereita que cruza o río Bayones en dirección sur camiño de Casa Andinoso, desaproveitando tamén os numerosos ramais secundarios. Seguimos pola ancha pista de grava que remonta a canle do río Bayones cara ao leste. Pasando a Casa del Tío Mero (280 m), despois doutra ponte, aparece unha chaira e unha bifurcación. A pista xira á esquerda e segue subindo, facendo numerosas revoltas, polo denso bosque de carballos e faias , contando tamén con exemplares de avelairas, acivros e fentos, ata a Haya Corva (600 m) onde deberemos coller outro camiño á esquerda que vai en dirección leste e que está en peor estado. Ao gañar altura vamos ollando cara ao norte unha serie de brañas que se estenden dende o Alto del Toral ata o Cotero del Lobo. Unha vez na lomba da serra, temos que seguir á dereita para faldrear polo medio dun frondoso faial con carballos e algún castiñeiro, acompañados de avelairas, salgueiros, pereiras e maceiras silvestres.

Chegamos así as Palancas (751 m), unha posición inmellorable para gozar dunha extraordinaria panorámica, porque no outono as variedades cromáticas que se rexistran son inmellorables neste bosque.

Logo de percorrer un bo tramo pola ladeira descrita, ignorando todos os desvíos secundarios, chegamos a outra pista a altura da Vuelta de la Cotera (740 m), dende a cal se poden comezar outras rutas como a de Brañazarza e a dos Árboles Singulares, pero seguiremos o camiño de baixada á dereita, situándonos xa no último treito desta andaina. Atravesamos por unha ponte o río Cuévanos aparecendo de seguida o río Bayones, achegándonos así, de novo, a Casa del Tío Mero e máis tarde a Casa del Monte.

Etiquetas: , ,