pdf en castelán: Laguna Negra y Pico Urbion
pdf do mapa: Laguna Negra - Pico Urbión
SITUACIÓN: Espacio Natural Sierra de Urbión – Duruelo de la Sierra e Covaleda (Soria) Viniegra de Abajo (La Rioja)
PUNTO DE PARTIDA: Paso de la Serrá (1.590 m)
ACCESO: Pola estrada que dende Vinuesa se dirixe ao porto de Santa Inés e Montenegro de Cameros. Collemos un desvío a esquerda sinalizado como Laguna Negra. Por esta estrada deixamos o desvío a Santa Inés a dereita chegando así ao Paso de la Serrá.
HORARIO: 5/7 h DESNIVEL: 550/ 650 m
DIFICULTADE: Media/media-alta TIPO DE ROTA: Travesía
MAPAS: I.G.N. - 278 – IV – 316 – II – 317 - I
DESCRICIÓN DA ROTA: Dende o Paso de la Serrá (1.590 m) camiñamos estrada arriba entre grandes pinos, faias e sorbas observando os cantís que seguen os nosos pasos ata chegar ao aparcadoiro de arriba e coller o carreiro que nos deposita na Laguna Negra (1.750 m), coas súas rochas, pinos, auga e o feitizo que rodea este lugar.
Seguimos a marcha collendo polo lado esquerdo o camiño do Portillo, pasando así baixo a fenomenal fervenza que cae entre bloques e serpeando por un camiño aberto entre rochas. Ao chegar á parte superior xiramos á dereita saíndo así a terreo despexado, onde tamén atopamos o rego que nutre a fervenza. Con dirección noroeste collemos un camiño moi transitado que nos leva por esta zona onde se misturan praderías, breixos e algún pino. A nosa esquerda levántase o cordal formado polo Mojón Alto (2.098 m) e Llanos de la Sierra (2.138 m), baixo os cales vemos unha especie de balcón onde descansa a Laguna Helada.
Con poucos sacrificios acadamos o cimbro situado a 1.999 m, sitio onde as vistas son espléndidas, especialmente sobre o glaciar do val de Revinuesa. Neste balcón xiramos a esquerda por marcado carreiro co obxectivo de coroar o cume de Urbión.
Na zona que nos atopamos está azoutada por ventos e cuberta de neve a maior parte do ano. En poucos minutos chegamos a Laguna Larga, unha das máis altas da serra (2.012 m). Bordeámola polo lado dereito, mentres deixamos uns enormes penedos, superando o desnivel con comodidade ata cruzar en diagonal unha empinada ladeira, xusto antes do seguinte paso elevado.
Estamos no Portillo Arenoso (2.146 m), ao pé do gran pico. Subimos xunto a unha cruz metálica e un xigantesco furado na rocha, xirando posteriormente á esquerda, coroando así a cima, que está colgada sobre o val do río Urbión e a lagoa do mesmo nome.
Volvemos ao Portillo Arenoso onde collemos o GR – 86.1 que baixa mesmo ata o nacemento do Duero (2.090 m), lugar tan emblemático como atractivo.
Baixamos xunto a canle, deixando o GR – 86.1, do que vai ser un gran río, pola beira esquerda gozando de pequenas fervenzas, por terreo agora máis suave, ata que as augas desaparecen entre xigantescos bloques de pedra e monumentais pinos, a cal de forma máis sorprendente. Despois dun tempo, localizamos ao outro lado do río uns fitos que ignoramos.
Máis tarde seguimos unhas moreas de pedras que nos sitúan debaixo dun destacado pino e unha faia, tras os que baixamos entre grandes pedras e breixos. Bordeamos un pino tirado no chan, detrás do cal unha faia agárrase ao que pode para vivir, penetrando a continuación no bosque. Mentres o carreiro se fai máis nítido atravesamos un faial cruzando o leito do Duero. Seguimos agora o GR – 86.1 por unha pronunciada, áspera e pedregosa baixada que nos vai depositar no refuxio forestal de Nuestra Señora del Duero.
O camiño segue paralelo ao río pasando xunto a un miradoiro e a Ciudad Encantada Castroviejo.
Case sen darnos conta chegamos a Duruelo de la Sierra onde remata esta andaina.
Etiquetas: Sendeirismo, Soria