Jito de Escarandi - Colio

SITUACIÓN: Cillorigo de Liébana e Camaleño (Cantabria)

PUNTO DE PARTIDA: Jito de Escarandi (1.300 m)

ACCESO: Dende Arenas de Cabrales, no km 30 da estrada AS – 114, coller pola AS – 254 ata Poncebos e dende aquí pola CA – 1 en dirección a Sotres. Pasado este lugar, a 3,5 km está o Jito de Escarandi.

HORARIO: 5/6 horas DESNIVEL: 752 m de subida / 1.052 m de baixada

DISTANCIA: 14 km DIFICULTADE: Media

TIPO DE RUTA: Travesía MAPAS: I.G.N. – 56 – III - IV

SINOPSE: Percorrido de alta montaña pero de fácil andar no que se atravesa a zona occidental do Macizo de Ándara coa opción de subir aos picos Samelar e SagradoCorazón .

DESCRICIÓN DA RUTA: No Jito de Escarandi (1.300 m) collemos unha pista que sae á nosa dereita que sen perda algunha nos vai levar despois de 5 km ao Casetón de Ándara (1.725 m).

Despois dun pequeno descanso seguimos cara so Sur, polo pedreiro da ladeira Oeste da Pica de Mancondiú, para chegar en pouco tempo ao Collado de Aldea (1.807 m). Dende aquí xiramos á esquerda, preto dunha poza de auga roxa, para seguir un camiño estreito sinalado con fitos do que sae en seguida á dereita o camiño que vai en dirección a Morra de Lechugales. Nós seguimos de fronte por terreo pedregoso no que abundan as entradas de minas. O camiño serpexa por esta zona buscando zonas herbosas, mellores para camiñar, ata a Collada Tresmancondiú (1.850 m), ao sur do esporón rochoso que baixa da Pica de Mancondiú.

A partir da Collada Tresmancondiú, o camiño cínguese a ladeira sur do Mancondiú, sen baixar as veigas de Ándara, seguindo en dirección Este ata chegar a pista que ven do Norte, a cal acadamos a altura do Collado de Ándara (1.829 m). Seguimos pola pista en dirección Sur onde atopamos unha bifurcación (1.820 m) na que collemos o camiño da esquerda, pola que camiñamos uns 300 m ata a fonte de La Escalera (1.885 m). A partir da fonte, debemos coller a pista que sae a esquerda, con bo aspecto ao comezo, pero bastante deteriorada, despois, nalgúns lugares. En xeral, o camiño é bo subindo por tramos de pedra e herba e nalgún sitio o camiño atópase armado.

Nunha pronunciada curva á dereita, dirixímonos cara ao Sur chegando, logo, a un amplo canalón polo que o camiño zigzaguea pasando algúns tramos armados. Unha vez superado este canalón, o camiño continúa marcado sobre unha suave pendente cuberta de herba sinalada con fitos ata o Collado de San Carlos (2.052 m) situado entre os cumes do Pico Samelar (2.227 m) e o Pico del Sagrado Corazón ( 2.214 m), dando acceso a Canal de San Carlos pola que temos que baixar.

No primeiro tramo de baixada, temos que estar atentos para non perder o sendeiro sinalado con fitos, ata a Majada Trulledes ( 1.490 m) onde comeza unha pista que seguiremos todo en baixada.

Na altura de 1.070 m temos unha bifurcación, deixando o ramal da dereita e seguindo de fronte ata outra nova bifurcación onde, neste caso, collemos á esquerda pasando xunto aos invernais de Colio e La Parte (600 m), chegando así a estrada SV – 2306, que sobe a Colio. A nosa andaina remata nunha marcada curva na que se atopa a intersección da pista coa estrada. (550 m).