De La Malva a La Riera

 

SITUACIÓN: Somiedo (Asturias)

PUNTO DE PARTIDA: Área recreativa de La Malva

ACCESO: Dende Cornellana pola AS – 15 ata San Martín de Lodón, onde collemos a AS – 277 que vai a Somiedo. No km 36 está a área recreativa de La Malva.

HORARIO: 5/6 horas DESNIVEL: 730 m de subidas; 800 m de baixadas

DISTANCIA: 15 km DIFICULTADE: Media TIPO DE RUTA: Travesía

MAPA: I.G.N. – 76 – II

SINOPSE: Esta actividade sitúanos, unha vez máis, no Parque Natural de Somiedo, descorrendo dentro do concello do mesmo nome. A travesía céntrase entre os vales da Trapa polo Oeste e o río Somiedo polo Leste, pasando por descoñecidas aldeas e brañas somedanas, o que é un dos obxectivos desta camiñada.

DESCRICIÓN DA RUTA: Saímos da área recreativa de La Malva (645 m) cruzando a estrada que vai a Somiedo para coller un camiño balizado como PR – AS - 13 que comeza subindo suavemente e arrodeando os estribamentos da pena Carbachinos. Pasamos por lugares moi pintorescos que nos amosan excelentes vistas. Aos poucos minutos chegamos a unha área de descanso que ten unha fonte seca, situada xusto enriba da central de La Malva. O camiño, cada vez máis fermoso, cruza o cristeirío que baixa da pena para ir descendendo, logo, facendo varios zigzags ata chegar preto da ermida de Castro (650 m).

Uns cen metros antes de chegar a dita ermida, abdicada a virxe do Rosario, sae un camiño á man esquerda, que no seu comezo está empedrado e con bastante pendente. Subimos por este camiño faldreando o monte da Las Paradas, para despois de pasar un tramo en chan, comezar a baixar ata atravesar o regato de Pineda (730 m). Neste tramo existen varias cabanas abandonadas así como corripas. Despois de atravesar o regato por unha ponte, espéranos outra forte pero non moi longa pendente que nos leva á aldea de Pineda (870 m).

Atravesamos polo medio desta aldea subindo por unha pista de formigón pasando as derradeiras casas da aldea en dirección ao val, sempre cara arriba; que pendenza. O camiño fai algunhas reviravoltas pasando xunto a varias cabanas, ata que despois dun xiro á esquerda, minora a pendente e así chegamos ao cimbro de La Collá (1.140 m), onde existe unha cabana. Aquí rematan os tramos máis duros deste día.

Aproveitamos para reagruparnos e coller folgos para logo, traspasado o cimbro, baixar por un sendeiro cara ao val da Trapa. O camiño segue unha boa parte polo fondo deste fermoso val ,cruzando numerosos prados cerrados con paredes, moitas árbores, e pasando as cabanas da braña de Ortigueiru ata chegar a un muíño.

Deberemos prestar atención neste lugar, pois logo de sobordar o muíño temos que seguir con tendencia á dereita ata conectar cun claro camiño que, sen perda, nos vai levar val abaixo deixando unha derradeira cabana a esquerda e atravesando un fermoso bosque. O camiño vai agora a media altura cambeando a dirección cara ao leste para saír do val da Trapa e desembocar na braña de Pineda. Pasada esta braña, vemos ao fondo a estrada de Somiedo, temos unha pequena subida por camiño empedrado que nos leva a un novo val que xa non vamos abandonar ata rematar a travesía. O camiño neste tramos está bastante enlamado, tendo algunhas baixadas nas que teremos coidado de nos esvarar.

Agora o camiño é chao, chegando á aldea de Las Viñas (850 m) onde debemos coller á esquerda, despois de pasar as primeiras casas, o antigo camiño que baixa dende esta aldea ata La Riera (480 m).

Etiquetas: , ,