Circular da Pedriza Anterior

 

 

SITUACIÓN: Manzanares el Real (Madrid)

PUNTO DE PARTIDA: Casa Julián - El Tranco (Manzanares el Real)

ACCESO: Entrando na vila de Manzanares el Real a carón do castelo, atravesamos o centro urbán e no extremo oposto, xusto antes de cruzar o río Manzanares, collemos unha rúa que sobe xunto a el. Seguimos sempre xunto ao río ata rematar nun aparcadoiro con bares (preto do final hai un cartel á esquerda que indica restaurante El Tranco, que debemos ignorar). A saída está xunto ao restaurante Casa Julián (889 m).

HORARIO: 5/6 horas DESNIVEL ACUMULADO: 654 m DISTANCIA: 11 km

DIFICULTADE: Media TIPO DE RUTA: Circular MAPAS: I.G.N. – 508 - II – IV

SINOPSE: A Pedriza é un lugar privilexiado para a observación e estudo do modelado das rochas graníticas. Aínda que a litoloxía e a estrutura xeolóxica son os principais factores condicionantes do relevo, tamén a influenza do clima foi importante como axente modelador.

AVISAMENTO: Debemos por especial atención si o camiño está mollado porque a rocha tórnase moi esvaradía, sobre todo nos tramos máis avesíos.

DESCRICIÓN DA RUTA: Na fronte dereita do restaurante hai unha escaleira por onde subimos para comezar a ruta (889 m). Cando rematan o valado das leiras colleremos a Senda de las Carboneras, que sae á esquerda. Vamos cara ao Oeste durante un tempo e logo o sendeiro xira ao Norte (1.129 m). Neste punto deixamos un intre o sendeiro, camiñando cara ao Leste, por entre rochas, baixamos ao Mirador del Tranco (1.179 m), con fermosas vistas da vila de Manzanares e do encoro de Santillana. Se temos sorte poderemos observar o vóo dalgún voitre, abundante nesta zona.

Tornamos sobre os nosos pasos para retomar a Senda de las Carboneras, chegando así a Gran Cañada de la Pedriza (1.227 m). Neste punto temos un importante cruce de camiños. Ao Oeste, o camiño que baixa a Canto Cochino. Ao Leste, a Gran Cañada que nos levaría a Senda Maeso e cara ao Norte, vai a Senda de las Carboneras que é a que temos que seguir.

De seguida atoparemos unha fonte e detrás dela, o sendeiro volve a empinarse. No Collado de la Encina o camiño suavízase e xa podemos ver a impresionante mole do Yelmo, pasando ao seu lado polas praderías (1.519 m). Quen queira pode subilo.

Aínda que pouco visible pola estepeira, estamos nun cruce de camiños. Á esquerda subiríamos ao Collado de la Vistilla. Á dereita, polo barranco levaríanos a Senda Maeso. Temos que seguir de fronte para subir aínda un pouco máis ata conquerir a cota máxima desta ruta. Comezamos a baixar lixeiramente sen abandonar o sendeiro ata chegar a un cruce sinalizado con fitos onde comeza ou remata a Senda Maeso (1.521 m.).

A Senda Maeso baixa directamente ata a vila de Manzanares el Real. Nosoutros seguimos en dirección NE durante cicocentos metros por sendeiro chan ou con lixeira subida. O camiño xira bruscamente ao NW e baixa, nalgúns tramos  fraguentos entre rochas. Este tramo, en seco, non presenta ningunha dificultade mais, en mollado existe o risco serio de esvarar. Cando o camiño se adoza atopámonos preto do Collado de la Dehesilla (1.381 m).

Neste cimbro temos que tomar o GR – 10 en dirección Oeste. O camiño baixa pola estepeira mainamente pasando xunto a pedra de El Tolmo (1.225 m) e o refuxio Giner de los Ríos (1.138 m).

Dende o refuxio baixamos por unhas escaleiras e xiramos á esquerda, deixando o GR – 10. Temos que localizar un sendeiro que baixa pola marxe esquerda do regato Majadilla. O chan é bastante irregular durante algo máis dun quilómetro e logo camiñaremos pola pradeira preto do regato.

Cruzamos o camiño que sobe de Canto Cochino cara a Gran Cañada. Un pouco máis adiante o regato xúntase co río Manzanares. Seguimos por esta marxe ata chegar ao chiringuito da entrada a Garganta de la Camorza.

A dereita do noso camiño, un pontello de obra cruza o Manzanares. O río xira bruscamente para entrar na Garganta Camorza pero nosoutros seguimos o camiño sempre pola marxe esquerda. Pasamos o chiringuito seguindo o sendeiro ben marcado que nos leva ata El Tranco.