Castillo d´Acher (2.384 m)

.

SITUACIÓN: Valle de Hecho (Huesca)

PUNTO DE PARTIDA: Puente de Oza (1.123 m)

ACCESO: Pola estrada HU – V – 2132 que sobe de Hecho a Selva de Oza atravesando o barranco de La Boca del Infierno que separa o macizo da serra de Alano.

HORARIO: 7/8 h DESNIVEL: 1.250 m DIFICULTADE: Media

TIPO DE RUTA: Ida e volta MAPAS: I.G.N. – 144 – I – II

SINOPSE: O Castillo d´Acher é unha fortaleza cun colorido especial que contrasta o verde do bosque coa rocha calía que o forma. Unha fermosa montaña mírese como se mire á que hai que subir e descubrir a formidable panorámica que nos amosa.

DESCRICIÓN DA RUTA: A camiñada comeza nada máis cruzar a ponte de Oza, xunto a un panel indicador. Aquí arranca un sendeiro que deixa á esquerda o campamento de Ramiro el Monje. Saímos a unha pista forestal que gaña altura polo bosque pola beira dereita do barranco de Espata. A pista máis arriba, convértese nun sendeiro chegando a o refuxio forestal Castillo d´Acher (1.740 m), situado nun despexado chan na divisoria entre os barrancos de La Espata e do Borregueril d´Acher.

Camiñamos cara ao leste para situarnos na lomba Suroeste (1.890 m), pola que seguimos a marcha en dirección a brecha de acceso que rompe a muralla (2.275 m). Unha vez alí, seguimos pola dereita, progresando ao longo da crista, subindo primeiro a cota Sur do Castillo d´Acher (2.347 m).

Logo continuamos subindo cara ao norte ao ante cume oriental (2.363 m) para rematar no cume principal (2.384 m).

Outra opción é, dende o refuxio, buscar na parte esquerda da muralla unha canaliña fácil que permite acceder ao comezo do afundimento da meseta somital. Así podemos chegar ao cume recorrendo o val ou seguindo o cristeirío entre a Punta de Oza (2.193 m) e o cume principal do Castillo d´Acher (2.384 m).