Canón do Río Lobos

pdf en castelán: Cañón del Río Lobos

pdf do mapa: Canón do Rio Lobos

 

SITUACIÓN: Santa María de Hoyas, San Leonardo de Yagüe, Casarejos, Nafría de Ucero e Ucero (Soria)PUNTO DE PARTIDA: Puente de Los Siete Ojos (1.000 m)

ACCESO: A 5 km de San Leonardo de Yagüe pola estrada SO – 960

 

HORARIO: 3 h                             DESNIVEL: 50m 

DISTANCIA: 9 km                        DIFICULTADE: Baixa

TIPO DE ROTA: Travesía           MAPAS: I.G.N. - 348 – I – III

SINOPSE: O Parque Natural del Cañón del Río Lobos, constitúe un singular espazo bioxeográfico encaixado sobre o eixe dun fondo canón de escarpadas paredes.

No seu interior, ademais de extensos bosques de sabina e piñeiros, existen gran variedade de especies animais entre os que destacan un centenar de parellas de voitres leonados. Tamén aniñan, nas súas paredes, aguias reais, alimoches e falcóns. Entre os mamíferos temos corzos, xabarís, esquíos, lontras, teixugos e gatos monteses.

O Cañón del Río Lobos, foi declarado Parque Natural no 1985, sendo unha das primeiras zonas protexidas de Castela-León. Dita protección abarca os 20 km. de canón e toda a súa influencia. Pola espectacularidade do seu relevo está considerado como unha das paisaxes máis fermosas da península. No seu interior e arredores tamén se conserva un valioso conxunto de restos artísticos, lugares e vilas con recio sabor tradicional como a ermida de San Bartolomé, Ucero, San Leonardo e Burgo de Osma.

DESCRICIÓN DA ROTA: Esta cómoda camiñada comeza no Puente de Los Siete Ojos. Por unha zona de piñeiros pasa o sendeiro que serpea durante varios quilómetros polo fondo do canón. Temos que salvar unha pequena dificultade do chan usando unha rústica escaleira de madeira e cruzar o leito do río nun par de ocasións. O sendeiro discorre entre vellos exemplares de sabina albar, bosques sorianos de esta árbore de folla perenne e escamuda, considerados dos mellores conservados do planeta.

Nalgunhas zonas o río desaparece en fondos sumidoiros, aparecendo de novo ao pouco tempo. Nas súas augas abondan as grandes follas flotantes dos nenúfares. Seguimos a camiñada pasando ao lado dun curioso altar megalítico, onde cruzamos por unha ponte de madeiros, xunto a entrada dunha grande caverna.

Chegamos así ata a ermida cisterciense de San Bartolomé, de comezos do século XIII, apreciando tamén o enorme canón que chega preto de 200 m. de altura. As súas verticais paredes calcarias foron moldeadas por fenómenos erosivos, dando lugar a fermosas e caprichosas formas de relevo.

Cruzamos agora un espeso piñeiro que da paso ao nacemento do río Ucero para acadar a estrada SO – 920 a cal seguimos ata o centro de interpretación, situado nas proximidades de Ucero.

Se queres mais información sobre o parque natural, preme no seguinte  enlace: http://www.canonderiolobos.com/paginas/canon.htm

 

Etiquetas: ,