Acordos

  • FAITE SOCIO/A

    VANTAXES DE SER SOCIO OU SOCIA

    Preferencia cando as prazas son limitadas
    Prezos económicos nos desprazamentos
    Dereito as subvencións que faga o Club en viaxes de máis de un día
    Tramitación da Licencia Federativa sen costes adicionais

    CUOTA DE SOCIO/A - 2011 - 13,52 €

  • LICENCIAS FEDERATIVAS 2012

    Está aberto o prazo de inscrición para os socios e socias que queiran  federarse para a tempada 2012. Quen teña a intención de tramitar a licencia que o comunique, así como a modalidade elixida.

    ATENCIÓN:

    Por solicitude da aseguradora ASEFA, infórmase que os teléfonos de sinistros son:
    Nacional: 902 116 666
    Internacional: 34 93 228 76 32
    Cando se sufra un accidente debemos chamar a estes teléfonos, e non á aseguradora.


    No caso de…

    ACCIDENTE DEPORTIVO CON RESCATE

    Se o accidente é grave e deben evacualo dalgunha zona, debe avisar aos grupos de rescate de onde se atope. O número de emerxencias en España é o 112. Infórmese do número de emerxencias se viaxa ao estranxeiro. Deberán desprazalo ao Hospital máis achegado. O antes posible, deberá comunicar o accidente á Federación Galega de Montañismo, onde lle explicarán os seguintes pasos a facer para cumprimentar o parte de accidente, e valorar o desprazamento a un centro concertado pola Aseguradora se fose posible e necesario.

    ACCIDENTE DEPORTIVO SEN RESCATE

    Se o accidente non necesita rescate, pero é grave, debe ir a un centro de Urxencias, e indicar dende o primeiro momento que se trata dun accidente na práctica deportiva e que está federado. En canto sexa posible, debe poñerse en contacto coa Federación Galega de Montañismo para que lle expliquen cómo cumprimentar o parte de accidente, e indiquen os seguintes pasos a seguir.
    Se o accidente non é grave debe poñerse en contacto coa Federación Galega de Montañismo canto antes, para que lle expliquen os pasos a seguir para poder acudir a un  centro concertado e que o atendan.
    Lembre que sempre debe conservar toda a documentación que lle entreguen, por se lla solicita a entidade aseguradora.

    ASEFA, S.A. - SEGUROS E REASEGUROS

    MODALIDADE BASICA A INFANTIS 14,96€
    MODALIDADE B MAIORES 54,02€
    XUVENIS 43,22€
    MODALIDADE C MAIORES 94,68€
    XUVENIS 79,18€
    INFANTIS 31,42€
    MODALIDADE D MAIORES 162,59€
    XUVENIS 118,19€
    INFANTIS 84,49€
    MODALIDADE E MAIORES 576,04€
    MAIORES 75 ANOS MAIORES 75 41,58€

    Estes son os prezos do 2012.

  • XUNTA DIRECTIVA ACTUAL

    Presidente: Xoán Antón Monasterio López

    Vicepresidente: Pedro Sanjurjo Lastra

    Secretaria: Teresa Díaz Estévez

    Tesoureiro: Sabas Martínez Castrillón

    Vocais: Fernando Martínez Castrillón, Francisco Fernández García, Juan José Rodríguez Rico, Miguel Paredes Ríos e Manuel Méndez Ramos.

  • COBERTURAS DAS LICENCIAS

    COMPAÑÍA ASEFA S.A. - SEGUROS E REASEGUROS

    OBXECTO DO SEGURO

    Cubrir as necesidades de asistencia, tanto de salvamento como médica, farmacéutica e quirúrxica por accidente como consecuencia da práctica deportiva como amateur, do montañismo e outras variedades deportivas mencionadas a continuación.

    Por accidente enténdese toda circunstancia allea a vontade do asegurado que lle produza unha lesión corporal, sempre que a súa orixe sexa unha causa momentánea, externa e violenta, así como as consecuencias da práctica deste deporte que deriven en tendinites, sobrecargas musculares e escordaduras.

    A cobertura faise extensiva aos viaxes in itínere ao lugar da práctica deportiva correspondente. Ademais quedan cubertas as lesións producidas por insolacións, conxelacións, mal de montaña, así como picaduras de insectos, mordeduras de animais e caída de raio durante a práctica das mencionadas modalidades deportivas.

    Responsabilidade civil fronte a terceiros das actividades propias dos membros en posesión da licencia das diversas entidades excursionistas afiliadas a FEDERACIÓN GALEGA DE MONTAÑISMO. En adiante F.G.M.

    Os membros en posesión da licenza da F.G.M. consideraranse terceiros entre si. Neste apartado inclúese a Defensa e Fianzas.

    EXTENSIÓN DA COBERTURA

    Todos os afiliados a F.G.M. en posesión da respectiva licenza deportiva do ano en curso.

    ÁMBITO XEOGRÁFICO

    O ámbito da cobertura e extensible, segundo figura en cada unha das modalidades contadas.

    COBERTURAS COMÚNS A TODAS AS MODALIDADES

    España e estranxeiro

    Responsabilidade civil ata un límite anual de 600.000 €.

    Responsabilidade civil individual ata 60.000 €. por danos materiais.

    Responsabilidade civil individual ata 6.000 €. por danos persoais.

    Auxilio ao morto na práctica do deporte, pero sen causa directa da mesma, ata un importe de 1.800 €.

    Gastos orixinados por adquisición de material ortopédico para a curación dun accidente deportivo (non prevención), por importe do 70 por 100 do prezo a venda ao público do mencionado material ortopédico.

    Gastos orixinados en odonto-estomatoloxia por lesións na boca motivados por accidente deportivo. Estes gastos serán cubertos ata 240,40 €.

    Repatriación sanitaria de feridos e/ou enfermos ilimitada. No caso de viaxar a países en conflitos bélicos ou non recomendados polo Ministerio de Asuntos Exteriores. Esta cobertura permanecerá limitada ata 12.000 €.

    Regreso anticipado

    Desprazamento dun acompañante xunto ao Asegurado hospitalizado.

    Inmobilización en hotel.

    Soamente estranxeiro

    Busca, localización e envío de equipaxes perdidos.

    Desprazamento dun familiar en caso de morte do Asegurado.

    Anticipo en caso de accidente, roubo ou enfermidade grave no estranxeiro.

    Anticipo de fianza xudicial no estranxeiro.

    Anticipo de gastos de defensa legal no estranxeiro.

    Envío de medicamentos ao estranxeiro.

    Intérprete no caso de accidente ou enfermidade no estranxeiro.

    LÍMITES DE IDADE

    Non hai. Para os maiores de 75 anos existe unha licenza especial.

    INDEMNIZACIÓNS A MENORES DE 14 ANOS

    Independentemente da modalidade contratada, o límite en caso de morte para os asegurados menores de 14 anos, será de 3.005,06 €. quedando intactas o resto das garantías.

    ACTUACIÓN EN CASO DE SINISTRO

    ASEFA, S.A., poñerá a disposición do Asegurado o número de teléfono 902 116 666 (24 h.), para que contacte directamente coa compañía, a cal facilitará todos os medios necesarios para a asistencia ao accidentado. Este servizo cubriría o primeiro nivel de asistencia e consecuentemente o seguimento do sinistro cara a un segundo nivel de especialización e/ou rehabilitación.

    En caso de accidente no estranxeiro facilitarase o número de teléfono internacional + 34 932 287 632 (24 h.), onde INTERPARTNER ASSISTANCE poñerá a disposición do accidentado tanto o servizo de rescate e repatriación do cadáver, así como a asistencia en caso de necesidade.

    E conveniente que anotes estes teléfonos na túa tarxeta

    EXCLUSIÓNS:

    Ademais das establecidas nas Condicións Xerais da póliza e non derogadas polas Condicións Particulares, quedas excluídos do seguro os accidentes que se produzan na execución de calquera traballo profesional, escalada ou descenso de ou dende edificios, pontes e construcións de obra ou metálicas en xeral, excepto nos lugares destinados a entrenamentos ou rocódromos adecuados.

    Dentro da disciplina da bicicleta de montaña (BTT), quedan excluídos os atropellos por vehículos a motor ou colisión con estes, así como calquera reclamación por danos materiais ou físicos causados a terceiros pola mencionada práctica.

    Quedan excluídas as operacións de rescate, busca ou salvamento que se produzan como consecuencia directa ou indirecta de unha imprudencia temeraria do asegurado, así como as operacións de rescate, busca e salvamento, cando non houbese accidente e a situación non represente un risco para a vida ou integridade física do asegurado.

    REGULARIZACIÓN DA PRIMA

    A F.G.M., está obrigada a pasar unha relación de altas dos seus federados periodicamente a fin de que a Compañía faga o correspondente suplemento de determinación de incorporacións e primas totais.

    Anualmente revisarase a prima sobre a base da sinistralidade alcanzada durante o exercicio.

    Sinistros inferiores ao 60% das primas………….desconto do 10%

    Entre 60 % e 65 % das primas……………………..desconto do 5%

    Entre 65 % e 75 % das primas……………………..mesma prima

    Entre 75 % e 80 % das primas……………………..recargo 5%

    Entre 80 % e 90 % das primas……………………..recargo 10 %

    Sinistros superiores a 90 % …………………………revisión das primas e capitais para alcanzar uns marxes mínimos.

    MODALIDADES

    A: INFANTIL

    Actividades: Excursionismo, Campamentos, Marchas e Sendeirismo

    Ámbito: España.

    Garantías: Morte…………………………………….3.005,06

    Invalidez……………………………………………… 6.010,12

    A.M.F.Q. centros concertados…………………….. 1.502,53

    centros non concertados………….………………….. 300,51

    Gastos de rescate………………………………….………… 00

    B: XUVENIL – ADULTO

    Actividades: Excursionismo, Campamentos, Marchas e Sendeirismo

    Ámbito: Pirineos franceses, España Portugal e Andorra.

    Garantías: Morte…………………………………….. 6.010,12

    Invalidez……………………………………………….. 6.010,12

    A.M.F.Q. centros concertados……………………… 3.005,06

    centros non concertados……………………………….. 601.01

    no estranxeiro…………………………………………. 1.502,53

    Gastos de rescate……………………………………… 4.507,59

    C: INFANTIL – XUVENIL – ADULTO

    Actividades: As mesmas que a B, ademais de Alpinismo, Alta montaña, Escalada, Descenso de barrancos, Campamentos de iglús, Carreiras de montaña, Espeleoloxía e B.T.T.

    Ámbito: España, Pirineos franceses Portugal e Andorra.

    Garantías: Morte…………………………………… 6.010,12

    Invalidez…………………………………………….. 12.020,24

    A.M.F.Q. centros concertados………………. Ilimitada (máximo 18 meses)

    centros non concertados…………………………… 1.502,53

    no estranxeiro……………………………………….. 3.005,06

    Gastos de rescate…………………………………….. 4.507,59

    D: INFANTIL – XUVENIL – ADULTO

    Actividades: As mesmas que C, ademais de Esquí en calquera das súas modalidades.

    Ámbito: Todo o mundo excepto actividades realizadas por riba dos 7.000 metros ou dentro dos círculos polares.

    Garantías: Morte………………………………..  …. 6.010,12

    Invalidez…………………………………………….. 12.020,24

    A.M.F.Q. centros concertados……………….. Ilimitada (máximo 18 meses)

    centros non concertados……………………………. 6.010,12

    no estranxeiro………………………………………. 12.020,24

    Gastos de rescate……………………………………… 9.015,18

    E: ADULTO

    Actividades: As mesmas que D, ademais de expedicións a máis de 7.000 m. e expedicións polares

    Ámbito: Todo o mundo.

    Garantías: Morte…………………………………….. 6.010,12

    Invalidez…………………………………………….. 12.020,24

    A.M.F.Q. centros concertados………………. Ilimitada (máximo 18 meses)

    centros non concertados……………………………. 6.010,12

    no estranxeiro……………………………………… 18.030,36

    Gastos de rescate…………………………………….. 9.015,18

    F: ESPECIAL MAIORES DE 75 ANOS

    Actividades: Excursionismo, Campamentos, Marchas e Sendeirismo

    Ámbito: España, Pirineos Franceses e Andorra

  • NORMATIVA ELECTORAL


    O Presidente e a Xunta Directiva das Entidades Deportivas, elixiranse na Asemblea Xeral Extraordinaria mediante sufraxio libre, igual e secreto dos socios de número con dereito a voto, en candidaturas cerradas e completas, debendo de figurar nas mesmas, a lista ou relación dos seus compoñentes coa designación dos cargos que cada un deles vai ostentar, debendo de estar formada por un número de membros non inferior a cinco nin superior a quince, o fronte da cal estará o Presidente da que forma parte, ademais de un Secretario e un Tesoureiro, os Vocais que a Entidade Deportiva crea necesarios ata un máximo de quince.

    1. SUPOSTO NO QUE TERÁ LUGAR A CONVOCATORIA DE ELECCIÓNS

    As Entidades Deportivas procederán a convocatoria de eleccións a Presidencia e Xunta Directiva, cando se produzan as seguintes causas

    a) Por expiración do prazo de mandato da Xunta Directiva.

    b) Cando por dimisión, renuncias, morte ou incapacidade física, quedase a Xunta Directiva reducida ou modificada, de forma que non poida exercer debidamente as súas funcións.

    c) Por dimisión, renuncia ou incapacidade do Presidente que encabezara a candidatura.

    d) Por voto de censura ó Presidente ou Xunta Directiva, aprobado na Asemblea Xeral Extraordinaria por maioría de dous tercios. A Asemblea será convocada a tal efecto e a petición de, polo menos, o vintecinco por cento dos seus compoñentes con dereito a voto.

    2. CONVOCATORIA

    A convocatoria de eleccións a Presidente e Xunta Directiva acórdase na Asemblea Xeral de Socios, reunida con carácter extraordinario.

    A estes efectos a Xunta Directiva mediante comunicación a todos os integrantes da Asemblea Xeral, efectuada de modo que se consiga a necesaria difusión e coñecemento, convocarase a mencionada Asemblea, especificándose na convocatoria como puntos da orde do día so seguintes:

    2.1.- ACORDO DE CONVOCATORIA DE ELECCIÓNS PARA PRESIDENTE E XUNTA DIRECTIVA

    2.2.- CALENDARIO ELECTORAL

    a) Exposición do Censo Electoral.

    b) Reclamación ó Censo Electoral.

    c) Prazo de presentación de Candidaturas.

    d) Prazo de estudio e aceptación das Candidaturas.

    e) Prazo de divulgación de Candidaturas.

    f) Prazo de presentación e impugnación as Candidaturas.

    g) Prazo para resolución de impugnación contra as Candidaturas.

    h) Data da votación (Asemblea Xeral Extraordinaria) con expresión do lugar de celebración e hora do seu comezo e remate, período durante o cal se pode exercer o voto.

    i) Prazo de presentación de impugnación contra as votacións e o escrutinio.

    j) Prazo de resolución de impugnación e proclamación de candidaturas válidas.

    2.3.- ELECCIÓN DOS MEMBROS DA XUNTA ELECTORAL SOCIAL

    A Asemblea Xeral Extraordinaria da Entidade Deportiva acordan a celebración de eleccións e elixirán entre os asembleístas que non se presenten como candidatos a ningún dos cargos directivos, a seis socios que integrarán a Xunta Electoral Social, dos cales tres terán carácter de titulares de dita Xunta Electoral e os outros tres de suplentes dos anteriores. Si algún deles, despois do seu nomeamento como membros da Xunta Electoral Social, e antes do prazo de presentación de candidaturas, decidira integrarse en algunha das candidaturas, cesará automaticamente na súa condición de membro de dita Xunta, sendo substituído polo primeiro dos substitutos elixidos.

    A Xunta Electoral será a encargada de velar polos estrictos cumprimentos do calendario e normativa electoral, e dicir, sobre calquera cuestión que afecte directamente a celebración das eleccións e resultado das mesmas, admitindo e proclamando as candidaturas, e resolvendo no seu caso todas as reclamacións e impugnacións que se presenten contra o censo, prazos, candidaturas, candidatos, etc., así como as que se orixinen no curso das votacións.

    2.4.- ELECCIÓNS E NOMEAMENTO DOS COMPOÑENTES DA MESA ELECTORAL

    Unha hora antes da prevista para o comezo da Asemblea Xeral Extraordinaria, na que terá lugar a votación para elixir os cargos directivos da Entidade Deportiva, constituirase a Mesa Electoral, previamente elixida na Asemblea anterior na que se convocaron as eleccións.

    1. Composición da Mesa Electoral

    Na asemblea na que se acorde a convocatoria de eleccións elixiranse tres socios para integrar a Mesa Electoral: un Presidente (o de maior idade), un Secretario (o de menor idade) e un Vocal.

    Poden estar presentes, co obxecto de supervisar o desenvolvemento da eleccións, un Representante por cada unha das candidaturas que se presenten as eleccións. A dita representación estará debidamente acreditada por quen encabece a candidatura.

    2. Función da Mesa Electoral

    a) Comprobar a identidade dos votantes

    b) Recoller as papeletas de voto e depositalas na urna preparada ó efecto, que deberá de estar debidamente cerrada e lacrada.

    c) Redactar, por medio do seu Secretario, a Acta correspondente, na que deberá de constar o número de electores, votos válidos emitidos, votos nulos, e resultado da votación e as incidencias ou reclamacións que se produzan.

    d) Remitir copia de acta, dentro das 24 horas seguintes a Xunta Electoral Social.

    2.5.- TRANSFORMACIÓN DA XUNTA DIRECTIVA EN XUNTA XESTORA

    Os membros da Xunta Directiva converteranse en Xunta Xestora na Asemblea Xeral Extraordinaria na que se convoquen as eleccións.

    3. CANDIDATOS

    Os asembleístas que desexen presentar as súas candidaturas a Presidente e Xunta Directiva da Entidade Deportiva, deberán de reunir os seguintes requisitos:

    1. Ser español
    2. Maior de idade
    3. Atoparanse en pleno uso dos dereitos civís e non estar suxeitos a sanción disciplinaria deportiva que o inhabilite.
    4. Ser Socio da Entidade Deportiva, con antigüidade mínima ininterrompida de un ano.
    5. Presentar a candidatura con escrito de aceptación de todos os candidatos integrados na mesma.

    As candidaturas presentaranse, dentro do prazo establecido no Calendario Electoral, ante a Xunta Electoral Social en listas cerradas e completas, especificando os cargos para os que se presenta cada candidato.

    4. ELECTORES

    Nas eleccións a Xunta Directiva da Entidade Deportiva, teñen dereito a voto os socios de número, maiores de 18 anos que estean o corrente das súas obrigas sociais.

    5. VOTACIÓNS

    a) No caso de existir unha soa candidatura que reúna todos os requisitos establecidos, non procederá a constitución da Asemblea e os seus compoñentes serán proclamados pola Xunta Electoral como membros da nova Xunta Directiva.

    b) Se foran máis de unha as candidaturas válidas, celebraranse as eleccións da forma prevista.

    c) As votacións efectuaranse mediante sufraxio persoal, directo e secreto dos socios con dereito a voto.

    d) As votacións realizaranse en papeletas de tamaño único facilitadas pola Xunta Electoral Social.

    e) Sendo as candidaturas cerradas e completas, os electores deberán de elixir calquera delas na súa totalidade, anulándose os votos que non se axusten a esta determinación.

    f) O voto é persoal e intrasfirible, non permitíndose o voto por correo.

    g) Os integrantes da Xunta Electoral Social e da Mesa Electoral, exercitarán o seu dereito ó voto, si o tiveran, en último lugar.

    h) Rematadas as votacións, a Mesa procederá o reconto dos votos en presencia dos representantes da cada unha das candidaturas que fixeron uso deste dereito.

    O Presidente da Mesa dará lectura ó resultado da votación, resultando elixida a candidatura que acade maior número de votos, e procederase pola Mesa a proclamación dos elixidos. En caso de empate na votación, a Xunta Electoral Social convocará unha nova votación sinalando o lugar, día e hora, entre as candidaturas que produciran empate.

    i) Do desenvolvemento da Asemblea levantarase Acta polo Secretario da Mesa Electoral na que se recollerán as incidencias que se produzan, o desenrolo da votación e resultado da mesma con expresión de todos os votos emitidos (válidos, nulos i en branco).

    6. PROCLAMACIÓN

    Rematadas as votacións e, no seu caso, os prazos de impugnación e resolución das mesmas antes ditos, expoñeranse na sede da Sociedade Deportiva, a proclamación da candidatura que resultase gañadora.

    7. DURACIÓN E EXERCICIO DO MANDATO

    A duración do mandato da Xunta Directiva electa será de catro anos dende a súa proclamación, de non producirse ningún dos supostos previstos no punto 1 da presente Normativa Electoral, podendo presentarse todos os membros a súa reelección, conxuntamente ou por separado en outras candidaturas.

    Durante o mandato da Xunta Directiva, o Presidente, en caso de vacantes por dimisión sempre que non entre en contradicción co punto 1.B anterior, pode nomear substitutos que deberán ser ratificados pola Asemblea Xeral, podéndose ampliar ou diminuír o número dos seus membros, sempre dentro do límite legal establecido por Lei 11/1997, do 22 de Agosto, Xeral do Deporte de Galicia, e previa aprobación da Asemblea Xeral.

    En todo o previsto na presente Normativa, estará disposto na Lei 11/1997, do 22 de Agosto, Xeral do Deporte de Galicia.