Limiar

ORIXES DO GRUPO

O Grupo de Montaña “Pena Tallada” naceu en Ribadeo a finais do ano 2000, da idea dun grupo de amigos e amigas de pensamentos afíns no que ao goce da natureza se refire.

Logo de confeccionar un calendario de actividades comezamos as saídas, en xaneiro de 2001, que se alongan de maneira contínua ata o día de hoxe.

Non é prioridade facer dos socios e socias uns consumados montañeiros ou montañeiras senón, máis ben, agrupar amigas e amigos atraídos pola fermosura dos vales e montes, e que acaten o esforzo físico como o único medio de mergullarse na súa grandeza.

A labor da divulgación e coñecemento da natureza deben ser os obxectivos principais de calquera montañeiro ou montañeira asi como a preservación do medio natural por riba de todo polo que pretendemos, de forma modesta, convidar á xente ao achegamento á natureza e ao goce da mesma. Creemos que é labor necesaria de todos e todas a súa conservación para o desenvolvemento tanto físico como cultural das xeracións futuras. Conseguilo aínda que sexa en parte, aportando o noso grao de area, sería para nós un gran motivo de satisfacción.

Dentro do calendario de actividades de “Pena Tallada” está a visita a diferentes Espazos Naturais, protexidos ou non, que polas singulares características que os diferencian merecen unha especial atención para un colectivo que ten como premisa máis importante a labor de inculcar a coservación dos valores do Medio Natural.

As actividades propostas (ver calendario) foron maxinadas facendo especial fincapé naquelas zonas que manteñen un maior grao de conservación, ou nas que a fermosura do bosque e a paisaxe fan prioritaria a súa visita.

___________________________

SENDEIRISMO

As actividades de sendeirismo son a opción máis tranquila de todas as que se poidan practicar na montaña. As rutas de sendeirismo propostas van dirixidas a excursionistas pouco iniciados/as, sendo a maioría dos percorridos fáciles excursións de baixa montaña que non teñen maiores dificultades con climatoloxía favorable, agás un pouco de esforzo, e estar acostumado/a a camiñar.

Isto non quita que algún ou algunha camiñante sinta en algún momento a dureza dalgunha ruta, debido principalmente a escasa preparación, equipo inadecuado ou climatoloxía adversa. Elixir unha ruta errónea de acordo coas nosas posibilidades físicas pode facernos pasar un mal día.

Case sempre, o terceiro domingo de cada mes temos unha saída, habitualmente con percorridos de diferente dificultade dentro da mesma ruta para persoas con distinto nivel físico.

MONTAÑISMO

Realizamos actividades de montañismo, algunhas delas contempladas no calendario, dirixidas a todas aquelas persoas que se sintan atraídos/as pola alta montaña. Á parte das actividades descritas no calendario, tamén se fan outras de escalada en rocha, neve e xeo, que non veñen incluídas pola complexidade de por unha data con tanta antelación para actividades deste tipo.

As actividades de montañismo tanto no verán como no inverno supoñen, case sempre, un grande esforzo físico e afrontar pasos complicados nos que algunhas veces precísase facer uso de cordas ou equipos de neve. Son aptas, namáis, para persoas federadas, que estean familiarizadas co manexo deste material e avezadas ao baleiro.

As actividades fora de calendario estarán publicadas na páxina de NOVAS. Si estás interesado/a no que facemos, ponte en contacto con nós.

RECOMENDACIÓNS

EQUIPO: Para a práctica de sendeirismo non fai falta un equipo especial. Será suficiente con levar calzado deportivo - botas de trekking preferentemente - que suxeiten os nocellos e sexan impermeables, roupa de abrigo e un chuvasqueiro. Na mochila hai que levar auga e algo de comida.

A directiva poderá prohibir a participación nas actividades a toda persoa que non leve o material adecuado, especialmente o calzado.

Tamén deberemos levar unha muda completa, que se deixa no transporte, pois logo ao vir de volta das excursións agradeceremos cambiar a roupa mollada polo suor ou a choiva, e non emboutaremos o autobús.

HORARIOS: É moi difícil asinar un horario a cada ruta. Isto vai en función principalmente da preparación física do/a excursionista, do coñecemento do terreo, da climatoloxía ou das paradas que se puideran efectuar.

DESCRICIÓN DAS RUTAS: Si é posible, todas as rutas irán acompañadas dun díptico onde se describe o recorrido a realizar, así como dun mapa orientativo ou topográfico. Ademais é moi importante seguir as indicacións dos/as guías, que previamente apatuxaron o terreo e coñecen o percorrido.